Proxectos

Obradoiros puntuais, proxectos estables no tempo, programas secuenciais, aquí unha mostra do que fixemos últimamente:

XDiante

Concello de Pontedeume e Concello de Cabanas, curso escolar 2024-25

Levamos máis de 10 anos traballando neste proxecto de prevención universal, que, con diversas evolucións, segue crecendo cada curso académico. Nesta nova etapa, incorporamos varias novidades aos obradoiros en aula, como unha formación previa para o profesorado, a elaboración dunha unidade didáctica sobre os círculos de palabra e o acompañamento dun grupo de adolescentes dentro do centro educativo. O programa vai dirixido ao alumnado desde 6º de primaria ata 4º da ESO, utilizando metodoloxías socioafectivas que lles permitan adquirir ferramentas e habilidades para desenvolver relacións sociais e afectivas saudables, ao mesmo tempo que practican estratexias para reducir riscos en contextos sociais con potencial de consumo e adiccións.

BENEST_ANDO

Concello de Cabanas 2024-25

Benestando foi un programa de benestar emocional dirixido a mulleres, iniciado en setembro de 2023 e consolidado como un espazo de acompañamento seguro, profesional e de calidade. O programa naceu da necesidade compartida de sentirse escoitadas por parte dun grupo heteroxéneo de mulleres, con diferentes puntos de partida pero con inquedanzas comúns.

Dende entón, Benestando renovouse anualmente para apoiar a mulleres en situacións de vulnerabilidade, ofrecendo encontros nos que se traballaron temas vencellados ao desenvolvemento persoal e á saúde nas súas diversas dimensións. As actividades puxeron o foco no impacto emocional das violencias sistemáticas que atravesan a vida cotiá das mulleres, creando redes de apoio e fortalecemento colectivo.

(re)coñecendo o noso ciclo menstrual

Concello de Cabanas 2025

Obradoiro enmarcado no Día Internacional da Dignidade Menstrual pensado para achegarnos, dende unha perspectiva consciente e libre de tabús, ao coñecemento do ciclo menstrual. A través de dinámicas participativas e recursos visuais, exploramos as distintas fases do ciclo, os cambios físicos e emocionais asociados, e ferramentas para a súa autoxestión. Un espazo seguro onde compartir, aprender e reivindicar o saber corporal como acto de empoderamento.

Autocoidados nos vínculos

Oficina de Igualdade de xénero da UDC, 2025

Se me coido son egoísta? Se coido, descóidome? Neste espazo buscaremos o equilibro entre dar e recibir poñendo a responsabilidade afectiva no centro e aprendendo técnicas de comunicación claras e efectivas que nos permitan coidar coidándonos. Tamén reflexionaremos sobre as nosas necesidades e ofreceremos estratexias sas para poder poñer límites claros e afectivos.

Unha memoria de coidado(s): cuestión de vida.

Asociación Veciñal de San Cosme de Piñeiro, 2025

Este obradoiro foi un espazo de encontro pensado para fomentar a reflexión comunitaria e promover a aprendizaxe de habilidades socioemocionais, ao tempo que se traballou na estimulación cognitiva. A proposta buscou poñer en valor a memoria colectiva e o patrimonio inmaterial do territorio, recoñecendo o saber das experiencias compartidas. Tratábase de crear un lugar seguro para dar voz ás vivencias persoais, escoitarnos, aprender a falar do que pensamos, poñer nome ao que sentimos e saber acompañarnos con respecto e coidado.

O botrato fronte aos discursos de odio

ANPA A Froula do CEIP Teixeiro, 2024

Frente ao crecemento dos discursos de odio, que fomentan a violencia, desfán a cohesión social e xeran danos psicolóxicos, emocionais e físicos baseados no machismo, a LGTBIfobia, a homofobia e outras formas de discriminación, este proxecto apostou por unha resposta colectiva e transformadora.

Durante o programa, analizáronse os discursos de odio e as súas consecuencias, ao tempo que se ofreceron ferramentas de botrato para promover relacións baseadas na tolerancia, o respecto e a igualdade, co obxectivo de previr todo tipo de violencias machistas e construír comunidades máis inclusivas e respectuosas.

(RE)VOLVER

CEIP López Ferreiro, IES Urbano Lugrís, CIFP Fraga do Eume, CPI A Xunqueira

Esta acción formativa, práctica e vivencial, realizouse aproveitando o inicio do curso coa finalidade de fortalecer a cohesión dos grupos educativos, promovendo novas formas de comunicación máis horizontais e emocionalmente coidadosas. A proposta busca revolucionar as estruturas habituais, implicando activamente ao profesorado na adquisición de ferramentas que permitan ofrecer ao alumnado un recibimento consciente e atento, favorecendo así un ambiente de aprendizaxe respectuoso e sostible.

COIDADOS COM-PARTIDOS

ANPA Río de Va do CEIPP Os Casais, 2024

Programa de coeducación centrado na importancia de educar na corresponsabilidade, tanto das tarefas domésticas como de aqueles coidados necesarios para promover o noso propio benestar e o das demais persoas, establecendo relacións e espazos coidadosos para fomentar a igualdade real entre mulleres e homes.

Sementeiras de Igualdade

Centro de Información á Muller (CIM) e a Biblioteca Municipal do Concello de Vilalba, marzo-xuño 2024, outubro-decembro 2024 e xuño 2025.

Aterramos este proxecto de transmisión de valores a través da lectura. Consisitu en crear uns feixes de libros para traballar a prevención das violencias machistas estableciendo préstamos de mochilas ás familias. Como presentación fixemos dous obradoiros, adaptados por idades, para convidar a todas as persoas a coñecer o proxecto ao tempo que se (re)pensaba sobre os contidos relacionados: autoestima, consentimento, roles e estereotipos de xénero, socialización diferencial, feminismos, autocoñecemento, etc.

Contamos coas emocións

CEIP Os Casais, Fene. 2024-2025.

Obradoiro vivencial para o fomento do autocoñecemento emocional, a promoción de estratexias saudables de regulación das emocións e aprendizaxe participativa do manexo da frustración, a través dos contos e dinámicas grupais.

C.A.S.A (Compromiso Axuda Saúde Adolescente)

Concello de Pontedeume, 2024-2025.

Programa formativo no que baixo a premisa de “Por min e por todos os meus compañeiros/as” creamos un espazo seguro co alumnado que voluntariamente quere participar, abordando temas dos seus intereses, aspectos da saúde mental, o mundo das emocións e as ferramentas necesarias para saber acompañar ás persoas nas súas diversas realidades, tratando de mellorar o seu benestar, creando así, espazos seguros e relacións de botrato.

Convivencia e botrato

Concello de Sigüeiro, 2022, IES Canido 2022, IES Punta Candieira 2023, IES Díaz Pardo 2023, IES Ortigueira 2024.

Obradoiros en aula que buscan mellorar a convivencia a través de dinámicas lúdicas e prácticas de habilidades socioemocionais, que perseguen o autocoñecemento e a conexión grupal como a mellor fórmula de proveer ao grupo para a abordaxe de posibles conflictos e o fomento de relacións igualitarias e de botrato.

Sexo con-sentido

Concello de Mugardos 2021, Concello de San Sadurniño, 2022- 2025, Concello de Cedeira 2024-2025, Concello de Carral 2022-2025.

Programa realizado nos centros escolares, no que se aborda a sexualidade dun xeito integral, tratando aspectos coma o coñecemento dos corpos sexuados, a coeducación emocional, as identidades e orientacións sexuais, as expresións de xénero, a comunicación afectiva e o establecemento de límites, a prevencións das violencias e as relacións de risco, etc. Trabállase baixo o prisma da diversidade, a igualdade e o fomento do botrato.

Formación en Mediación Escolar

IES David Buján 2022, IES Ferrol Vello 2022, IES Laxeiro 2022, IES Rafel Dieste 2024, CIFP Fraga do Eume, 2025.

Formación a equipas de mediación escolar dentro do contexto educativo. Que é a mediación, as súas fases e as habilidades socioemocionais para levalas a cabo son as bases desta formación que facilitamos para profesorado e alumnado de educación secundaria, co fin de fomentar relacións de botrato e mellorar a convivencia e ambiente no centro de ensino.

Pílulas formativas para educar en igualdade

Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, 2021-actualidade

Levamos a cabo diferentes accións formativas dentro do Plan de Formación en Igualdade (PFOIX) da Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de Coruña:

  • Claves para educar en igualdade desde unha perspectiva interseccional e previr a violencia de xénero
  • A mirada violeta
  • Comunicar en igualdade

Indira, a muller que hai que ti!

Concello de Fene, 2018-actualidade

Espazo de autocoñecemento e coidado mutuo para mulleres do Concello de Fene. Proxecto no que elas mesmas experimentan novas propostas e dinámicas que lles permite coñecerse mellor, crecer xuntas, relaxarse e gozar.

Algo entre Nós

Por 365 días de respecto e igualdade. Xunta de Galicia 2020-actualidade.

AlgoEntreNós é un programa que facilita que o profesorado de secundaria dinamice cinco sesións de titorías onde o alumnado terá que superar cinco retos. Desenvólvese a través dunha plataforma interactiva que alberga recursos e materiais centrados na prevención da violencia machista no contexto das relacións afectivas heterosexuais de adolescentes.
algoentrenos.gal

As conversas incómodas

CEIP Nicolás del Río, Cedeira. Maio 2024

Espazo de encontro e diálogo para encontrarnos en familia e poder abordar temas incómodos como son a exposición que teñen as crianzas a vídeos porno e as súas consecuencias no desenvolvemento da súa sexualidade, co obxectivo de abordar a importancia dunha coeducación sexual integral dende as familias, reflexionar sobre a exposición que teñen as crianzas a contidos machistas e violentos, e tomar consciencia do que podemos facer ou ferramentas para falar e acompañar de forma respectuosa a educación sexual integral.

O patio conta

ANPA Río de Va do CEIPP Os Casais, 2022

Proxecto de construción de relacións e espazos de xogo inclusivos, diversos e libres de estereotipos de xénero. Tratouse de distintas actividade de fomento da igualdade na que se buscou a implicación de toda a comunidade educativa para analizar o papel dos xogos e xoguetes no uso do espazo e establecemento de relacións, co fin de favorecer unha convivencia máis respetuosa e igualitaria e dotar tanto ás familias coma o profesorado de ferramentas para unha mellora na coeducación.

Formación Promoción da Equidade de Xénero con enfoque de dereitos

Asemblea de Cooperación pola Paz, 2022

Actividade de formación dirixida fundamentalmente a profesorado de educación secundaria para abordar a promoción da equidade de xénero con enfoque de Dereitos. Esta formación pretendía concienciar e aumentar a reflexión crítica do profesorado para que desenvolvan ferramentas prácticas, capacidades cognitivas e concienciadoras e aprendizaxes significativas para a transformación social positiva partindo do nivel local cara o global valorando o rol do profesorado como axente transformador e, ademais, multiplicador destes cambios.

Entre Todxs

Concello de Pontedeume e Concello de Cabanas, 2020-2022

Programa de acompañamento emocional á mocidade. Trátase de intervencións individualizadas para acompañar á mocidade creando espazos de botrato e crecemento persoal, co obxectivo de identificar e derivar posíbeis situacións que precisan acompañamento individualizado, con base na terapia familiar sistémica e na educación emocional cunha perspectiva holística da persoa.

Embarcas?

Concello de Cabanas 2020

Proxecto de dinamización comunitaria durante o confinamento con base no acompañamento emocional. O covid-19 embarcounos nunha viaxe sen planificación, co mar en calma e con outros plans de navegación, pero fomos valentes e acompañámonos nesa travesía. Neste programa facilitáronselle ás familias unha serie de ferramentas e propostas socio-educativas para levar a cabo coas crianzas durante os meses de pandemia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Máis información
Privacidad