Colaboracións

ArrolARTE, programa de autocoidados feministas.

Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de A Coruña, 2025

Este proxecto materializouse a través da organización dunha serie de obradoiros que tiveron como obxectivo crear espazos de reflexión, descanso e coidado colectivo, empregando metodoloxías diversas. Partimos da conciencia de que as lóxicas do poder patriarcal, colonial e capitalista naturalizan situacións de opresión que impactan profundamente na saúde física, emocional e mental das persoas. A precariedade, as violencias machistas e a esixencia dunha dispoñibilidade constante afectan especialmente ás mulleres, tradicionalmente responsabilizadas dos coidados alleos.

Este programa ofreceu un espazo seguro e transformador onde arrolar se converteu nun acto de resistencia e nunha arte feminista de coidar(se) en comunidade. Ao longo de seis encontros, abordáronse os autocoidados dende diferentes perspectivas e prácticas.

Artivismos: Muller de terra e mar ante o cambio climático. 

Axuda en Acción, 2025

Realizáronse obradoiros de artivismos no CPI Virxe da Cela de Monfero e no IES Rafael Dieste da Coruña, co obxectivo de pilotar unha proposta de unidade didáctica centrada na creación colectiva. Nestes obradoiros, o alumnado elaborou propostas artísticas a partir de elementos residuais, co propósito de fomentar a sensibilización comunitaria fronte ás problemáticas ambientais.

Investigación Facultade de Socioloxía UDC

Grupo de Investigación ESOMI, UDC

Realizamos traballo de campo como parte do grupo de investigación ESOMI da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, no marco do proxecto SENSGENPOL —financiado pola Xunta de Galicia— en colaboración co equipo G-EPIC. Este proxecto ten como un dos seus obxectivos principais analizar a influencia dos estereotipos de xénero nas percepcións da adolescencia sobre a participación e a democracia. Para iso, levouse a cabo a recollida de información en diversos centros educativos da provincia da Coruña.

“I Feira Educando en Igualdade” do Concello de Pontedeume

Arabías S. Coop. Galega, 2025

Colaboramos na dinamización dun posto feminista no que baixo o lema Saca a lingua polo Feminismo, organizamos xogos e actividades (rosco de Pasapalabra e creación de memes feministas, espazo lila lector, reparto de pegatinas, etc.) para fomentar a igualdade e coñecmentos sobre os feminismos entre o alumnado dos centros de ensino de Pontedeume.

Festival Muller á Escena (FME)

Festival organizado por aAntena Teatro e financiado pola Deputación da Coruña, 2024

Participación dentro da programación deste festival a través dun encontro ao redor do botrato. Repensar sobre os modelos de relación (individual e relacional) e mostrar ferramenta que nos conectan co botrato, tanto cara nós como cara as demais persoas, foron os contidos que encheron este espazo.

Metodoloxías Cooperativas para Rexenerar as Aulas


Asociación Terra Nai e Instituto Nà Lu’um Agroforesta Viva

Facilitación dunha das ferramentas das metodoloxías participativas con alumnado de 4º ESO do IES Breamo. Concretamente demos a coñecer a pecera, unha ferramenta que facilita a discursión en grupo, estimula o interese e fomenta a participación.

Participación nas VIII Xornada Universitaria Galega en Xénero

Vigo, xuño 2023

Presentación da comunicación titulada “Algo entre Nós, unha ferramenta lúdica e didáctica para a prevención das violencias machistas na aula”. 

Mesa sobre o emprendemento social

Cidade da Cultura, xuño 2023

Participación na mesa sobre o emprendemento social dentro da maior feira de inventoras e inventores do mundo: Maker Faire Galicia

EspadELA trenzar rural e feminismo

Arabías S.Coop.Galega 2022

Participación neste espazo de pensamento e de reflexión-acción ao redor do feminismo na realidade rural galega. Concretamente abordamos a parte dos coidados e do botrato tendo en conta a nosa experiencia acompañando grupos e mulleres ao longo do rural galego.

Sementeiras no emprego

Concello de Cabanas, 2022

Tratouse dun obradoiro de economía social e cooperativismo dirixido principalmente a mulleres, no que o Concello de Cabanas, dende as áreas de igualdade e emprego, convidounos a participar coa finalidade de dar a coñecer a nosa experiencia como cooperativa, compartindo así coas asistentes as características, fundamentos e fortalezas desta fórmula.

VI Xornadas de Orientación Profesional

Facultade de Socioloxía da UDC, 2022

Xornadas orientadas ao estudantado da universidade co fin de visibilizar os perfís profesionais dos distintos títulos que se imparten na facultade e as oportunidades laborais no mercado de traballo. Convidáronnos a compartir a nosa experiencia nunha mesa redonda que abordaba o tema das saídas laborais no eido das políticas sociais e a intervención sociocomunitaria.

Rompendo Reglas

Grupo de igualdade da Facultade de Ciencias da Educación da UDC.

Formamos parte, como asesoría externa, do proxecto Rompendo Regras, un experimento socioeducativo que ten como finalidade promover a menstruación digna e ecosaudable. A nosa aportación é dende os obxectivos e piares da educación menstrual.

Escolas sen racismo

Asamblea de Cooperación pola Paz Galicia

Formamos parte da asistencia técnica do proxecto Escolas sen Racismo de Asamblea de Cooperación pola Paz Galicia. Concretamente intervimos na área de diversidade e convivencia con obradoios en aula nos centros que forman parte da rede.

I Encontro “Un IES de moito coidado”

Grupo de Educación de Arquitectura sen Fronteiras, 2022

Participación neste encontro como profesionais da educación social dentro de espazos escolares para formar parte deste espazo de indagación e reflexión grupal sobre as experiencias, dúbidas, aprendizaxes, necesidades e retos sobre como favorecer hábitats educativos coidadores para as persoas que os habitan/habitamos, para as relacións e para o entorno.

Que espero de min? Cada etapa un proxecto

Concello de A Coruña. 2022

Participación dentro da Escola de Benestar e Apoderamento do Concello de A Coruña cun obradoiro para mulleres sobre autocoñecemento desde o marco teórico e práctico da Terapia do Reencontro.

Obradoiros de Igualdade e sexualidade

Concello de Narón. 2020-actualidade

Desenvolvemos, en colaboración coas compañeiras de Arabías, unha serie de obradoiros que se enmarcan dentro do Lote de Igualdade que o concello de Narón oferta por unha banda, ao alumnado dos centros de ensino (obradoiro de corresponsabilidade para 6º de infantil; coeducación para 1º e 2º de primaria; educación afectivo-sexual e asesorías de sexualidade para alumnado de secundaria e sensibilización sobre miscromachismos para alumnado de 3º-4º da ESO). Por outra banda, ofrece tamén actividades de correponsabilidade e obradoiros de supervivencia doméstica para persoas adultas.

Vestido de Voda

Creación escénica de rimaVane (Artes Escénicas/Educación)

Peza teatral que promove as relacións respectuosas dentro da parella e o desenvolvemento dunha conciencia crítica sobre a violencia de xénero. A partir da representación pódense xerar distintos espazos, como coloquios ou obradoiros de teatro interactivo, nos que a nosa función é a dinamización do foro, creando un nexo de unión entre o público e a actriz e o actor.

Elenco: Vanessa Rivas e Jose Leis

Contido pedagóxico: AtalaiAS

Vídeo promocional realizado por Óscar Górriz. Nomad
https://www.youtube.com/watch?v=_lwj8kKZ7OQ&t=58s

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Máis información
Privacidad